Saturday 27 de April de 2024

Un cento de veciños arrouparon ao alumnado da ESMU Magariños na “Noite en Branco da Magariños” máis concorrida ata o de agora


Ofreceron cinco concertos noutros tantos enclaves brioneses acompañados da Banda de Música Municipal de Brión

Preto dun cento de veciños e veciñas gozaron na noite e madrugada do venres da “Noite en Branco da Magariños”, un espectáculo musical organizado pola Escola Municipal de Música Magariños de Brión que permitiu ofrecer cinco concertos diferentes noutros tantos espazos públicos do municipio. Un espectáculo no que participou o alumnado da ESMU Magariños canda a Banda de Música Municipal de Brión, que ofreceu a derradeira actuación da xornada no centro social polivalente ás 0:00 horas.

Os concertos comezaron ás 22:00 horas e foron gañando tanto en intensidade como en número de intérpretes segundo avanzou a noite. Así, o concerto “Lento” contou coa actuación de nove alumnos, en dúo ou en solitario, que interpretaron pezas clásicas moi coñecidas, como o “Claro de lúa” de Beethoven. O ritmo foise incrementando no concerto “Adagio” na Biblioteca Municipal de Brión, onde as actuacións xa eran en grupo e o repertorio moi variado, misturando pezas clásicas de Bach con música contemporánea como a BSO de “Braveheart” ou “Guantanamera”.

De feito, un dos momentos máis aplaudidos da noite brionesa foi a actuación da Banda de Música Magariños, que comezou cun clásico “Pomp and circumstance” para arrincar os aplausos dos presentes con dous clásicos como “Falling in love”, de Elvis Presley, e “Ob-La-Di, Ob-La-Da” de The Beatles. A guinda puxérona os rapaces e rapazas do Conxunto Coral da ESMU Magariños, con pezas como “Siyahamba” e “La Bamba”.

Tras un concerto “Allegro” no salón de plenos no que se volveu a temas clásicos interpretados polo alumnado da ESMU Magariños, a Banda Municipal de Música de Brión puxo o punto e final cun pequeno concerto de cinco pezas no centro social polivalente. A “Noite en Branco da Magariños” foi organizada pola Escola Municipal de Música Magariños de Brión, coa colaboración do Concello de Brión, a Deputación da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.